…………………………………………………………………………………………………………………………………………………………..

Proba obrigatoria en equipo 

A liña temática  “Muller e enerxía”, vinculada a esta proba, ten como obxectivo fomentar o coñecemento e a reflexión sobre a participación e contribucións relevantes das mulleres no ámbito profesional da enerxía, as dificultades atopadas e como minimizalas.

Polo tanto, o propósito desta proba é poñer en valor o papel das mulleres no sector enerxético. Trátase de que o alumnado participante, por equipos, elabore un conxunto de fichas cunha estrutura, formato e extensión determinados, sobre o papel e/ou contribución dunha muller ou grupo de mulleres no sector enerxético. Esta proba materialízase na entrega das fichas por equipo, que serán impresas e expostas o día de celebración da Xornada da Olimpíada. En paralelo, realizarase a avaliación das  fichas cunha rúbrica específica.

proba6-mulleres enerxéticas

Instrucións para a realización da proba

Esta proba é obrigatoria. O equipo de cada centro deberá elaborar un número determinado de fichas mostrando información sobre mulleres que desenvolvesen ou estean a desenvolver a súa actividade profesional en relación coa enerxía.

As pautas a seguir son as seguintes:

  • Número de fichas a realizar polo equipo de cada centro educativo: 3
  • Formato das fichas: empregarase unha plantilla establecida en Canva, conservando a estrutura principal da información e o tipo e tamaño de letra. Os elementos bloqueados non se poden editar e deben manterse no mesmo lugar.
  • Fontes de información: poderase empregar calquera fonte de información dispoñible, así como datos obtidos por contacto directo coas profesionais seleccionadas. Unha das fichas deberá obrigatoriamente incluír a información obtida mediante unha entrevista coa persoa en cuestión (videoconferencia, correo electrónico…)
  • Selección das mulleres para a realización das fichas: proporcionarase a cada centro unha listaxe con catro nomes; tres deles para que cada centro seleccione dous para a elaboración das fichas e un cuarto de selección obrigatoria para a recollida de información mediante contacto directo/entrevista.
  • Información que se debe incluír en cada ficha:
  1. Información básica: lugar e data de nacemento, estudos, contexto social e familiar, carreira profesional, principais contribucións.
  2. Información complementaria: factores que determinaron a orientación profesional ao sector enerxético, posibles dificultades atopadas por ser mulleres…
  • Idioma: as fichas pódense realizar en castelán ou galego.
  • Fontes bibliográficas: débense indicar as fontes de información empregadas.
  • Gráficos e debuxos: pódense incluír elementos gráficos nas fichas.
  • Descarga das fichas: cando estean as fichas rematadas descargamos os arquivos en formato pdf para impresión.

Cada centro deberá enviar as fichas realizadas en formato pdf por correo electrónico a olimpiadaenerxia@uvigo.gal, antes do 30 de marzo de 2025 ás 00:00 h. As fichas imprimiranse e serán exhibidas o día da Xornada da Olimpíada na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Ademais, recompilaranse nun dossier para a súa difusión e uso futuro.

Material que se proporciona ao centro:

Plantilla de formato de ficha en Canva

 ACCESO PANTILLA CANVA

Exemplo de fichas a entregar en pdf

  MULLERES ENERXÉTICAS

  • Listaxe con catro nomes de mulleres relacionadas co ámbito da enerxía, tres para que cada centro seleccione dous, e unha cuarta con posibilidade de contacto para entrevista, de selección obrigatoria. Esta listaxe enviarase por correo electrónico ao docente responsable en xaneiro.
  • Adicionalmente, estará dispoñible nesta web, no apartado da “liña temática: Muller e Enerxía“, un breve vídeo formativo e unha unidade didáctica sobre a situación xeral da muller no ámbito da enerxía, que poderá servir para centrar o contexto e tamén para fomentar o debate na aula.

 Temática implicada nesta proba