A primeira actividade do proxecto ten como obxectivo formar o colectivo de interese (alumnado de 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Superiores de FP) nas claves que permiten comprender o sector enerxético.
Para iso elaboráronse e poñense a disposición do profesorado dos centros educativos recursos didácticos específicos sobre o sector enerxético, entendido como un ámbito multidisciplinar que se alimenta de ciencias básicas ben coñecidas polo alumnado. Traballaranse contidos de materias STEM do seu currículo, como Física, Matemáticas, Química e Tecnoloxía, xunto con outros contidos de carácter interdisciplinar, como Economía e Medio ambiente. Traballaranse tamén habilidades transversais, como as relacionadas co desenvolvemento do pensamento crítico, a oratoria, o traballo en equipo e a divulgación científica.
Este é posiblemente o elemento diferenciador respecto a outros eventos similares: pór a disposición do profesorado recursos didácticos e ferramentas que poida usar na aula para adquirir coñecementos relacionados co sector enerxético. Os recursos didácticos son de diferente tipo (unidades didácticas, boletíns de exercicios/problemas, prácticas instrumentais, vídeos, recursos de gamificación, etc.…) e enmárcanse nas seguintes liñas temáticas:
- Enerxía, Sociedade e Clima
- Recursos para a produción de enerxía eléctrica
- Recursos enerxéticos para a xeración de enerxía térmica
- Economía circular e eficiencia enerxética
- Muller e enerxía
Durante o período de traballo nos centros, estes contarán co apoio e asesoramento do profesorado da universidade.