O mercores 18 de decembro, J.Santiago Pozo iniciou as gravacións, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, dos videos presentación de recursos didácticos para os Centros Educativos que participan no proxecto da I Olimpíada da Enerxía.
J.Santiago Pozo, xunto con Elena Alonso e María Araújo, forman o equipo de investigadores da Liña temática Enerxía, sociedade e clima.
Aquí vos deixamos a súa intervención:
A enerxía, a sociedade e o clima están profundamente interconectados. O acceso universal á enerxía é esencial para o progreso humano e está no centro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. Porén, a produción e o consumo de enerxía xeran arredor do 60% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, agravando o cambio climático.
O gran desafío é atopar un equilibrio entre garantir unha enerxía accesible e sostible para todos e reducir o seu impacto no clima. Nos países desenvolvidos, o reto céntrase en mellorar a calidade, o custo e o impacto ambiental da enerxía; mentres que nos países en vías de desenvolvemento, a prioridade é asegurar o acceso a fontes modernas de enerxía.
Para abordar este reto, precisamos unha visión multidisciplinar que fomente vocacións STEM, forme profesionais preparados e promova solucións innovadoras. Ademais, é fundamental avanzar cara a un modelo de economía circular, que maximice o uso dos recursos e minimice os residuos. Comprender e actuar sobre a interacción entre enerxía, sociedade e clima é clave para construír un futuro sustentable para todos.
Para comprender os aspectos básicos da interrelación entre a enerxía, a sociedade e o clima facilitarémosvos os seguintes recursos didácticos:
- Presentacións, con contidos que versan sobre:
- ¿Qué é o cambio climático?
- ¿Qué causa o cambio climático?
- ¿Qué son os gases efecto invernadoiro e cómo se miden?
- ¿Qué papel ten o sector enerxético na vida das persoas, no seu día a día, en súa calidade de vida?
- ¿Qué papel ten o sector enerxético no cambio climático?
- ¿Qué solucións se están ofrecendo para paliar o cambio climático?
- ¿Qué é a Axenda 2030 e cómo afecta Europa e España?
- Dous xogos para usar na aula sobre eses contidos.
- Un glosario de termos sobre cambio climático e sector enerxético que recollerá a definición da terminoloxía básica e a súa tradución ao inglés.